SOS río Asneiro
La Voz de Galicia publicaba o sábado o seguinte artigo escrito por un pescador que se queixaba da situación que está a sufrir o río Asneiro. A edición dixital non informaba do nome do autor, pero creo que resume o sentimento de tódolos troiteiros do Deza.
"O río Asneiro agoniza ao seu paso pola comarca de Deza sen que a ninguén pareza importarlle e é que debido a múltiples factores, como son a contaminación, a falta de auga e as obras que nos últimos anos estanse levando a cabo nas súas marxes, fan que a deterioración que sofre este río sexa palpable día a día por todos os afeccionados á pesca que nos achegamos á súa ribeira todos os días que os nosos compromisos nolo permiten. É entón cando estrañamos tempos pasados, non demasiado afastados, cando os ríos estaban limpos e unha crecida facíanos gozar dunha gran xornada de pesca. Hoxe en día calquera precipitación fai que debido a todo o movemento de terras polas obras da autoestrada e o AVE a terra corra cara ao río converténdoo nunha lameira e volvéndoo impracticable para a pesca, e parece ser que ata volvéndoa non apta para o consumo. Non só iso, senón que todo este barro estase depositando no fondo do río afectando ás zonas de freza das troitas e a toda a fauna de invertebrados que poboan os seus fondos e que constitúe a principal fonte de alimentación das troitas.
Creo que estamos nun punto sen retorno no que todos debemos asumir as nosas responsabilidades, a administración vixiando que se respecte o río e a súa contorna para que non se produzan verteduras incontroladas nin captacións de auga non permitidas, os pescadores cambiando día a día a nosa mentalidade cara a políticas de pesca máis conservacionistas e a sociedade de caza e pesca organizando xornadas de limpeza e promovendo a creación dalgún coto de pesca sen morte como os que xa existen en moitos puntos de Galicia. Desta forma intentar paliar a continua degradación que está sufrindo o río e que os infractores se sintan vixiados e intimidados e que ningunha infracción quede impune intentando a difícil misión de que o noso río recupere o esplendor de outrora e todos poidamos gozar dunha contorna privilexiada a escasos quilómetros do núcleo urbano de Lalín. Así os que herdamos a afección dos nosos pais podamos transmitirlla algún día aos nosos fillos sen ter que explicarlle que Galicia foi un día o país dos mil ríos.
(Fonte: La Voz de Galicia)


















