domingo 22 de abril de 2007

Días de tronada...

Comezamos outra xonada de pesca, novamente no río Asneiro. É sábado pola mañá e ó chegar ó río sorpréndenos a turbiedade ca que baixan as augas e incluso que o caudal do río é maior ca o do fin de semana pasado. Supoñemos que se debeu ás tronadas que caeron ó longo destes días.

A gran cantidade de terra que tiña a auga non era normal, e estamos seguros de que as obras do "tren de alta velocidade" tiveron moito que ver, xa que crearon numerosos desterres e balsas de terra en diversos puntos preto do cauce do río. As fortes tronadas desprazaron toda esa terra e podedes ver o resultado nas seguintes fotografías.
O fondo do río estaba completamente enlodado e ademais puidemos ver gran cantidade de escuma en varios remansos, preto das rompentes de agua, que ainda que non podemos asegurar a súa procedencia, non podemos considerala coma algo normal.

A verdade e que non esperaba atoparme o río neste estado e soamente levaba culleriñas douradas (Mepps con puntos encarnados), pero decidín continuar e probar sorte a pesares de dudar se as troitas poderían ver o cebo debaixo destas augas tan turbias.

Na caída da tosta que se atopa diante da abandoada central eléctrica de Taboada, executamos os primeiros lances e tivemos a sorte de enganar a primeira troita do día, un fermoso exemplar que vos mostro nesta imaxe.

Continuáronse as picadas ó longo da mañá, sobre todo entre as 9:00 e as 10:30. Finalmente conseguín levarme 4 fermosas troitas. As devoltas ó río nesta xornada foron 6 pezas de entre 14 e 17 centímetros.
Xa de volta do noso percorrido, puidemos observar coma o río iba clarexando e volvendo á súa normalidade. O problema e que as tostas van reter gran cantidade da terra que baixou nestes días.

viernes 20 de abril de 2007

Repercusións naturais dos parques...

Os danos da forza eólica.
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2966&pIdSeccion=19&pIdNoticia=130897&rand=1177045036699

jueves 19 de abril de 2007

Fe de erratas...

No último artigo (Fin de semana entre ríos e carballeiras...) metín a pata nun par de cousas e quería correxilas. O río de Rodeiro non é o Asneiro, senón o Arnego. E a mosca saltadora dos trallos utilizados ese día non era a Royal senón a "malva". O artígo xa está correctamente actualizado. (E que ás veces váiseme a cabeza).
Grazas Paco.

Por certo, o Recuncho Troiteiro está a piques de chegar ás 350 visitas. Grazas a tódolos visitantes polo seu interés neste pequeno espazo. Un saudo. (O Cui)

martes 17 de abril de 2007

Fin de semana entre ríos e carballeiras...

Entre carballeiras...
Aproveitando o bo tempo que nos acompañou nesta fin de semana, decidimos mover un pouco o cú e facer unha pequena ruta por diversos sendeiros da comarca. Nesta ocasión, estiven acompañado por dous grandes amigos, Santiago e Merce.
Concretamente, o sábado pola tarde, decidimos visitar a Carballeira de Quiroga en Catasós, declarada Monumento Natural no ano 2000 grazas ós exemplares de carballo mais espectaculares de Europa, que chegan a medir mais de 30 metros de altura.
En xeral, puidemos ver que se atopa bastante coidada e os datos que se expoñen nos carteis informativos que hai colocados ó longo de todo o souto explican con todo luxo de detalles a historia destes colosos.
Aproveitamos a ocasión para facer algunha fotografía que próximamente publicaremos no Recuncho. Saudos ós dous.


Entre ríos...
O Domingo pola mañá cargamos os bártulos e dirixímonos ó río Deza no seu tramo acotado xestionado pola Sociedade de Caza e Pesca de Silleda.
Chamounos a atención a baixada do caudal do río, ó que parece non lle afectaron as trombas de auga que caeron a semana pasada a causa das tronadas.
Precisamente agora, o río leva un bo caudal para a práctica da culleriña, ainda que necesitará algún día mais de calor para acadar o nivel perfecto.
A verdade, e que vendo o estado do río, a temperatura e a ausencia de aire e néboa, a xornada pintaba perfecta para a pesca da troita.
Chegamos ás 8 da mañá ó noso destino e decidimos comezar por unha zona de correntes e llanadas que sempre nos deron bo resultado. Como dixemos anteriormente, o caudal do río ainda non está no nivel xusto para o seu total aproveitamento, e por iso non puidemos traballar algunha postura que normalmente é un seguro de troita.
Acadamos varias capturas, pero co mesmo problema de sempre, o tamaño das mesmas. Ata 7 pezas tivemos que voltar á auga.
As únicas dúas troitas de mais de 19 centímetros que conseguimos sacar viñan coa culleriña cravada nun ollo e na parte anterior da cabeza respectivamente.

¿A que se deben estas estranas picadas?.
Normalmente, cando a troita está activa ou se está a cebar, os ataques á culleriña son executados directamente coa boca, ou sexa, a troita detecta o cebo e vai a por él para eliminalo.
Cando temos cravadas nas costas, na cola, nos ollos, quere dicir que a troita non está activa e non persegue ó cebo, senón que se mantén nunha zona determinada e somos nos os que invadimos o seu espazo. A perturbación ou molestia que lle causa a culleriña ó entrar no seu terreo, provoca na troita unha reacción de rexeitamento que fai que tente afastala golpeándoa co seu corpo, de ahí estas extranas picadas.

Cebo utilizado: Culleriña Mepps Aglia do nº 1, corpo dourado e píntegas encarnadas.

Xa pola tarde, desprazámonos ó río Arnego, no tramo libre de Rodeiro, para probar sorte coa pluma. Como apuntamos noutras ocasións este tramo de río é moi estreito (preto ó seu nacemento), e ademais tivemos que sumarlle a reducción de caudal que sufríu nesta pasada semana e o aumento dos brizos nos seus fondos, algo que dificultou moito a nosa xornada.
Desta vez, acompañei ó meu irmán e a Xoan Carlos (gran amigo e experimentado troiteiro dende fai anos).
Acadamos gran número de picadas cos nosos trallos, e ainda que cravamos moita troita pequena (algo habitual neste río), logramos levarnos 13 boas pezas entre os tres.

Os trallos utilizados nesta ocasión:
Malva (saltadora)
Encarnada
Royal


(Fixádevos no tamaño desta ousada troita, a "royal" é mais grande ca ela)

miércoles 11 de abril de 2007

Blogs amigos

A partires de varios comentarios que un compañeiro troiteiro deixou no Recuncho, hoxe descubrín un blog moi interesante que vale a pena visitar. Este blog está realizado dende a Estrada e amósanos (de xeito similar ó noso Recuncho) as experiencias e os resumos das xornadas troiteiras deste pescador. Recomendo que o visitedes porque merece a pena, xa que poderedes admirar unhas fermosas fotografías de ríos e tamén das suas fermosas capturas.
Un saudo para o Pequeno Troiteiro dende o Recuncho.
O seu blog: http://pescaengaliza.blogspot.com

lunes 9 de abril de 2007

De pesca en Semana Santa

Acabáronse estas pequenas vacacións e volvemos ó traballo, como dixo algún... “lei de vida”, pero grazas a estes días festivos puidemos desfrutar de varias xornadas de pesca que nos serviron para ver un pouco mais a fondo o estado dos nosos ríos.

O Venres día 13, desplazámonos pola mañá ó río Asneiro, comezando o traxecto dende a súa desembocadura no Deza e continuando río arriba, a fin de aproveitar varios tramos de correntes. Acompañoume novamente nesta xornada o meu irmán Paco, experto troiteiro e un dos meus mentores no comezo da miña andaina troiteira fará xa mais de 15 anos.

A xeada que caeu pola noite (non propia deste tempo) fixo que a temperatura que nos atopamos ó chegar ó río fose de case baixo cero, algo que non agoiraba unha boa xornada.


Pola miña parte, decidín comezar coa culleriña aproveitando as beiras e os pequenos remansos das correntes, tendo en conta que nestas zonas foi onde días atrás acadamos bos resultados. Sen embargo, nesta ocasión a troita resistíuse ó noso cebo e non puidemos acadar capturas.

Vendo como se presentaba a xornada decidimos agardar ata que o sol comezase a quentar a media mañá. Unha vez que a temperatura se estabilizou e os primeiros raios iluminaron o río decidimos probar sorte coa pluma.
Paco, experto nesta arte de pesca dende fai moitos anos, decidiu probar sorte optendo numerosas capturas cun trallo composto por unha clásica Royal, unha encarnada con brinca negra e unha malva tamén con brinca negra como saltadora (todas de fabricación propia).
Coma regra xeral no que levamos de tempada, a maioría das pezas foron de pequeno tamaño procedendo á súa solta, menos duas capturas de excelente talla, tal e como se pode ver nas imaxes.









O domingo día 8, vendo que a tarde parecía quedar cunha temperatura apropiada, desprazámonos ata o río Arnego en Rodeiro (tramo libre) para tentar repetir os bos momentos acadados o venres coa pluma.
Xa no lugar elixido ameazaba tronada, e apurámos os primeiros lances cos que acadamos numerosas capturas, pero volvendo á mesma tónica que ata o de agora, troita moi pequena que tivemos que ceibar ainda tendo este río coma medida regramentaria 17 centímetros.
Debemos advertir a complexidade de pescar á pluma neste cauce, xa que é moi estreito na maioría do seu percorrido e abonda o brizo xa neste tempo, ainda que por outra banda, esta estreitura fai que poidamos traballar tódolos recunchos do mesmo.









Comentando cos numerosos troiteiros que atopamos neste tramo de río, puidemos constatar que a tempada non está sendo o que cabía esperar nun principio, xa que os comentarios sobre a pequena medida da troita e a escaseza de capturas está a ser xeralizada coa maioría das artes de pesca e en calquera dos cauces da comarca do Deza.

miércoles 4 de abril de 2007

Nota para os visitantes do Recuncho Troiteiro.

Se queredes que se publiquen fotografías das vosas capturas, dos vosos ríos preferidos, etc... enviádeas á seguinte dirección de correo electrónico lopez78@teleline.es indicando o voso nome e unha breve descripción da imaxe, así poderemos publicala no Recuncho Troiteiro.
Tamén podedes enviarnos “fotos denuncia” de calquer verquido, vertedoiro, etc. que atopedes no río, indicando a súa situación e a data da toma da fotografía. Como sabedes, tamén podedes deixar comentarios en calquera dos artígos do Recuncho.
Saudos a todos e grazas.

domingo 1 de abril de 2007

Nova xornada troiteira

Achegámonos de novo ó río en busca deste fermoso peixe que é a troita.
Non amence un día moi propicio para a pesca, pero decidimos igualmente probar sorte.
Chegamos ó río ás 8:00 e aínda se fai dificil ver por mor da espesa névoa, temos que esperar unhos minutos para que a claridade nos deixe baixar á ribeira. O río elixido nesta xornada foi o Asnerio, xusto na súa unión co Deza no lugar de Taboada en Silleda.
Durante as primeiras horas, non conseguimos sacar ningunha troita, os ataques foron escasos e de troitas pequenas, sempre nas beiras.
Por fín, a media mañá e despois dun bó tramo de río andado, comeza a actividade.
Logramos 5 capturas en breve espazo de tempo e devolvemos ó río 4 pezas de pequeno tamaño.

Xa de volta, sorprendunos a picada dun moi bo exemplar nunha tosta próxima a Ponte Romana que non coseguimos sacar da auga, xa que os numerosos embates que fixo a troita foron suficientes para librarse da nosa culleriña.
Finalmente, 5 formosas capturas.
A culleriña utilizada nesta ocasión foi unha Mepps dourada con píntegas encarnadas do nº 1.

PRECIOSA CAPTURA

Onte recibín a fotografía desta fermosa troita capturada por Crilín (amigo e experimentado troiteiro), que merece a pena mostrar no Recuncho.
Capturouna no río de Vilatuxe cunha mosca afogada color oliva con brinca gris nun anzól do 12 de fabricación propia. Nada mais e nada menos que 35 centímetros de troita que a bo seguro fixo as delicias deste gran troiteiro durante a súa loita coa mesma. Na fotografía podedes observar a fermosura deste exemplar así coma a súa librea de píntegas que demostra a calidade das troitas que ten este río. Podedes pinchar na imaxe para vela ampliada.
Esperamos seguír contando con fotografías das tuas capturas no Recuncho Troiteiro.
Grazas Cri.