viernes 9 de mayo de 2008

Primeiro o Asneiro... agora o Deza. ¿Ata cando?

Un troiteiro da parroquia silledense de Saídres deu a voz de alerta este mércores pola tarde ao Seprona ao detectar o río Deza de cor verde ao seu paso pola parroquia, ademais de presentar turbiedade, cando se dispuña a pescar. Os axentes do corpo da Garda Civil desprazáronse trala insistencia veciñal xa de noite ata o lugar, pero ante a falta de luz non puideron apreciar a tonalidade das augas e pospuxeron a súa actuación.
«Nunca vin ou río desa cor, non se vía o fondo», explicaba onte o pescador que deu a voz de alerta ante posibles verteduras ó Deza. Incidiu en que a turbiedade que había na xornada de onte podíase explicar polas choivas, pero a que presentaba na xornada do mércores non, posto que non se produciron precipitacións. O pescador indicaba que non detectara ningún exemplar de peixes mortos na zona. Segundo apuntaban quenes onte viron o río, presentaba unha cor similar ó da auga estancada cando nese tramo do río non se dá esta circunstancia.
A área afectada comezaba, segundo apuntaron, máis ou menos río abaixo da zona silledense de Ponche Taboada, onde se mesturaban as augas enturbadas coas de cor verdoso. Previamente a este punto, o Deza presentaba xa turbiedade, pero non cor verde nas augas. No caso do afluente que discorre pola zona de Cortegada estaba limpo.
Ó parecer, non sería a primeira vez que o río presentaba unha cor semellante nos últimos anos en xornadas puntuais ó seu paso pola localidade silledense e xa antes de iniciarse as obras do AVE.

(Fonte: La Voz de Galicia)
(Fotografía: Marcos Míguez)