miércoles 30 de abril de 2008

Novas. Taller de emprego no río Toxa.

Augas de Galicia concedeu permiso ó Concello de Silleda para o taller de emprego previsto no río Toxa, que acondicionará o tramo fluvial entre Graba e Manduas. Agora, deberá superar a exposición pública para activar de forma definitiva a actuación con Traballo.
O goberno local pretende rehabilitar un muíño en Covián (Rellas) e crear un área recreativa, na marxe esquerda do río Toxa, de 11.500 metros cadrados. Ademais, inclúe unha senda peonil ó longo de sete quilómetros e a reconstrución e acondicionamento de pontes. Traballo achegará 900.000 euros para 38 alumnos e o profesorado, e o Concello, 90.000 euros de material.

martes 29 de abril de 2008

Comeza a tempada do salmón no Ulla.

O río Ulla abrirá este xoves a tempada de salmón coa cota de capturas máis xeneroso de todos os cotos salmoneiros de Galicia que teñen a pesca limitada.
Este ano, os pescadores poderán capturar no Ulla un máximo de cincuenta exemplares. Mentres, no río Masma poderán pescarse corenta; no Lérez, 15; no Mandeo e o Miño só cinco e no coto de Salmeán, 10. No resto dos cotos autorizados no río Eo non se establecerá límite de capturas.
Os cotos salmoneiros do Ulla son Couso, Sinde e Ximonde. A tempada que se abre o Día do Traballo prolongarase ata o 31 de xullo. No entanto, se antes complétase a cota oficial de capturas, a pesca pecharase automaticamente.
As normas de pesca permiten ademais unha única captura por deportista e xornada. O exemplar terá que ter unha dimensión mínima de 40 centímetros.
Autorízanse os cebos naturais e artificiais. Entre os primeiros permítense a miñoca e a quisquilla, con anzois de medidas preestablecidas. Os cebos artificiais autorizados son a mosca, os peixes artificiais e a culleriña, aínda que esta só se permitirá ata o 1 de xuño.
Da cota total de capturas quedan excluídos os exemplares que se pesquen no concurso internacional de pesca de Río Ulla, que se celebrará os días 10 e 11 de maio. A inscrición no certame pode realizarse ata mañá mércores.

Continuan as verteduras os nosos ríos.

O Seprona de Lalín denuncia ante Augas de Galicia á empresa adxudicataria das obras do AVE á que responsabiliza da vertedura producida o venres pola tarde-noite no río Asneiro. Os axentes constataron ese mesmo día, tras recibir un aviso dun particular que alertou do estado do río ao 112, que os restos procedentes das obras do AVE enturbaran notablemente o río no lugar de Vilar e Abeleda.
Os gardas do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil apuntaron que nas súas investigacións non detectaron ningunha mortaldade de peixes.
Pola súa banda, o Concello de Lalín, apuntou que solicitará o informe ao Seprona ao redor das verteduras a fin de que a fin de remitilo á administración competente, neste caso a Augas de Galicia, dando conta destes feitos e a contaminación sufrida polo río. Unhas actuacións que o Concello completará coa elaboración dun informe técnico propio.
O venres pola noite na súa visita á zona, os axentes do Seprona atopáronse con que o río baixaba branco, o que provocou as queixas dos veciños. Unhas verteduras de lodos achacados a restos procedentes das obras do túnel do AVE.
Os veciños apuntan que non é a primeira vez que ocorre, algo do que tamén teñen constancia os axentes. Esa tarde a vertedura víase desde Abeleda a Mouriscade, no municipio de Lalín.
(Fonte: La Voz de Galicia)

viernes 25 de abril de 2008

Morfoloxía e tamaños

Pinchar na imaxe para aumentala.

jueves 24 de abril de 2008

Tramos e ríos vedados na Comarca do Deza

A continuación listamos os ríos e os tramos vedados para a pesca na Comarca do Deza:

Río Arnego
Concellos: Agolada e Vila de Cruces
Límite superior: A Frisca
Límite inferior: 50 metros abaixo da Frisca

Río Asneiro
Concellos: Lalín
Límite superior: 300 metros augas arriba da ponte da praia fluvial de Vilatuxe
Límite inferior: 100 metros augas abaixo da ponte da praia fluvial de Vilatuxe

Río Deza
Concellos: Silleda e Vila de Cruces
Límite superior: Presa de García
Límite inferior: Desembocadura no río Ulla

Río Deza
Concellos: Lalín
Límite superior: Ponte nova da estrada PO-200, no couto de Lalín
Límite inferior: Ponte Amoas, na estrada Botos – Cristimil, a altura do lugar de Ramíl.

Regato da Santa Lucía
Concellos: Lalín
Límite superior: Nacemento do regato
Límite inferior: Desembocadura no río Deza
(A veda inclúe os afluentes do tramo)

Río Seixas
Concellos: Dozón e Lalín
Límite superior: A Ponte de Sanguiñedo (Dozón)
Límite inferior: Desembocadura no río Deza (Lalín)

Río Ulla
Concellos: Vila de Cruces e Boqueixón
Límite superior: Tosta do Muiño do Boticario
Límite inferior: Ponte nova interprovincial de Ponte Ledesma

miércoles 23 de abril de 2008

As brigadistas de Lalín. Un traballo loubable.

O concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Lalín, Román Rodríguez, acaba de loubar o traballo desenvolvido polas dúas brigadas de mulleres que -contratadas polo ente local- se adicaron a limpar vertedoiros incontrolados.
Depósitos espallados polo rural lalinense que estas mulleres limparon íntegramente. A labor realizada é encomiable, segundo apuntou o edil de Medio Ambiente, xa que conseguiron recuperar espazos do rural.
Este grupo de traballo retirou arredor de trinta toneladas de lixo nos últimos seis meses, actuando nunha vintena de depósitos que se ubicaban en lugares dispares do termo municipal lalinense. En concreto as brigadas traballaron no contorno do castro de Parada, en Filgueira, Castro de Abaixo, Zobra, Barreiro, Vilanova, A Xesta, no Paseo do Pontiñas -no casco urbán lalinense-, en Cadrón, Bermés, Sello, Castro de Cabras e recentemente no Pozo Negro de onde retiraron grande cantidade de rodas en colaboración cun grupo de lalinenses, moitos deles vinculados ao Proxecto Ríos.
Os dous grupos de mulleres, maiores de 45 anos, comezaron a traballar alá polo mes de outubro ao abeiro dunha contratación feita dentro do Programa de Promoción do Emprego, en colaboración coa Consellería de Traballo. Mulleres que non só se adicaron a retirar lixo dos vertedoiros senón que levaron a cabo «unha importante labor a nivel educativa e social entre os veciños, fomentando a reciclaxe e a correcta separación de residuos». O luns rematou a tarefa destes dous grupos, con balance altamente positivo respecto ao traballo realizado: 30 toneladas menos de lixo nos nosos montes e unha vintena de lugares perfectamente limpos. Agora resta desexar que non volten a espallarse residuos polo termo municipal e que se manteñan en boas condicións os contornos do rural onde se levaron a cabo tamén labores de humanización, con prantacións e adecentamento de pequenos espazos verdes. De feito, nalgún depósito concreto foi preciso actuar en máis dunha ocasión. Caso, por exemplo, da zona do Pozo Negro que segue a ser un lugar frecuentado en numerosas ocasións por aqueles que non respetan o medio ambiente.

lunes 21 de abril de 2008

Domingo de expedición troiteira

Este Domingo saimos de expedición ata unha zona do río Asneiro que non pisabamos dende facía moitos anos e que non sabíamos como a íamos atopar. O acceso era compricado xa daquela, e agora temíamos que fose moito peor, xa que non e precisamente un lugar moi frecuentado polos troiteiros a causa da forte pendente e a abundancia de silvas, toxos e espiños.
Aventurámonos de tódolos xeitos e decidímos baixar a unha tosta que na súa época nos fixo pasar moi boas tardes de pesca, sobre todo no verán, tentando ás suas troitas co saltón.
Nada mais chegar démonos conta de que o pequeno carreiro polo que soíamos baixar non existía e tivemos que tomar a decisión de abrílo pola nosa conta.
Pouco a pouco, entre os fentos e os toxos, e aproveitando os pequenos carreiros que seguramente frecuentan os xabarís, logramos chegar á beira do río.
A choiva intensa destes últimos días fixo que o caudal do río aumentase de maneira considerable, e a tranquila zona de tosta á que estábamos acostumados levaba unha forte corrente.
Antes de saíres da casa botamos man das nosas canas de miñoca, sabendo que o río estaría impracticable para a culleriña.
Aproveitando os pequenos remansos das beiras e tentando evitar a forte corrente, comezamos a xornada que pronto dou os seus froitos.
O primeiro foi Mario, que logrou sacar un fermoso exemplar, e pouco despois fun eu o que logrou enganar outras duas pezas de moi bo tamaño.
Río abaixo, ante a imposibilidade de remontalo, fomos aproveitando as compricadas posturas e os piques fóronse sucedendo.
Despois dunha picada nun remanso, decidín insistir na mesma postura e asenteime nun tramo dunhos 10 metros, xa que como me dixo unha vez un gran troiteiro, "donde hai unha, hai mais". Ó final da tarde este consello funcionoume e terminei cun balance de 9 fermosas capturas que xunto ás dúas que conseguíu Mario ó rematar a xornada pesaron 2 kilos e 100 gramos.
Desta volta, Manolo, que nos acompañou tamén nesta ocasión, non logrou acadar ningunha captura.
Ainda que a forte choiva estivo presente durante toda a tarde e a temperatura comezou a baixar a medida que pasaban as horas, a expedición mereceu a pena.

viernes 18 de abril de 2008

O Recuncho na rede

Hoxe mentres navegaba pola rede, entrei na web de información comarcal Deza.org e topeime cun gran link do Recuncho Troiteiro na súa primeira páxina e con outra ligazón na súa sección de Medio Ambiente.
Nesta compretísima web poderemos atopar todo tipo de información relacionada coa nosa comarca, perfectamente detallada e clasificada por seccións: Cultura, deportes, ocio, medio ambiente, xuventude, sanidade, turismo, etc.
A ligazón a
Deza.org está connosco dende fai tempo na nosa sección de “Espazos do Deza”.
Dende eiquí quero agradecerlles a colocación destes links o noso pequeno espazo verde e troiteiro.
Un saudo.

Incríble pero certo: Lampreas no encoro de Portodemouros

En http://www.miguelpesca.com/, a páxina que o xornalista radiofónico Miguel Piñeiro creou en Internet para compartir co mundo unha das súas paixóns, nárrase a aparición de lampreas como un «un achado sorprendente no encoro de Portodemouros».
No pantano que embalsa as augas do río Ulla ao seu paso por Vila de Cruces, Agolada, Arzúa e Santiso, ao vigués Pepe Casal chamoulle a atención que as troitas capturadas picasen o anzol con exemplares de lamprea embudados ao seu corpo.
De dez troitas capturadas en dúas visitas ao encoro, «oito presentaban feridas de lamprea», conta este experimentado pescador, que logrou rescatar seis exemplares para dar conta do achado ao catedrático de bioloxía da USC Fernando Cobo. «Non son científico pero cando detecto algunha troita cunha anomalía, póñoo en coñecemento de quen pode estudalo», afirma Casal.
E é así como confiou a Fernando Cobo, tamén director da estación de hidrobioloxía da Universidade compostelá, o estudo dun achado que para a comunidade de pescadores é inaudito.
Referencia única
«É a primeira referencia que se ten en España, e mesmo en Europa, dá existencia de lampreas nun ciclo pechado», afirma Miguel Piñeiro. Este pescador de vocación, explica que «o sensacional é que atoparan a maneira de desovar sen ir ao mar».
O muro que contén a auga embalsada impide a migración ao mar da lamprea, que é o proceso anterior á fase de desova en augas fluviais.
Pezas xuvenís
As pezas capturadas son xuvenís de lamprea duns 20 centímetros, é dicir, con cinco anos de vida. E nesa medición reside «a gran sorpresa xa que indica que están nun estado postmetamórfico cando ou tempo habitual de estancia nos ríos antes dá migración ao mar é de 3 anos».
A incógnita que resolverá o estudo de Fernando Cobo será se a especie aclimatouse ao medio fluvial conseguindo completar o seu ciclo vital no encoro ou se se trata de poboacións residuais que obedecen á solta azarosa de lampreas en Portodemouros.
Se a investigación determina que a presenza de lampreas no encoro de Portodemouros non é residual, estas terían a súa orixe nas comunidades de lampreas que, no seu día, quedaron illadas pola construción do pantano hai xa 40 anos. Se a ciencia biolóxica corrobora a matemática, a existencia dunha poboación de lampreas no encoro de Portodemouros non é illada.
O encoro de Portodemouros púxose en marcha no ano 1968 e ten capacidade para almacenar preto de 300 hectómetros cúbicos de auga, segundo os datos oficiais.

(Na primeira fotografía amósase unha das lampreas capturadas no encoro por Pepe Casal)
(Fonte: La Voz de Galicia)

Cuadrilla voluntaria no Pozo Negro

Saír co frío que facía onte e a auga que caía do ceo a limpar o río non é unha tarefa grata, pero os protagonistas desta historia non só botáronlle horas, moito esforzo e grandes doses de empeño, senón que encima xa se apuntaron a volver repetir cando faga falta. O destino da viaxe foi Pozo Negro e con ese nome o que sacaron, e en grandes cantidades, o que non podía ser doutra cor. Negras e molladas foron saíndo unha a unha rodas para encher un camión. O técnico da oficina de Medio Ambiente do Concello de Lalín, Xosé Manuel Méndez e Ángeles coordinaban a iniciativa á que se sumaron catro rapaces do instituto Laxeiro de Lalín, dous profesores e a brigada feminina de limpeza, xa curtida en mil batallas desta índole.
Cansos pero felices así acabou a labor da cuadrilla, que despois do traballo tomouse un bocadillo baixo a choiva. Pouco despois Méndez levaba aos estudantes ás súas casas en Santiso, Madriñán e Borraxeiros (Agolada). As ramas e árbores e en xeral a vexetación impediu que na xornada de onte traballase o camión co guindastre. As rodas foron apiladas polos membros desta brigada de limpeza e posteriormente o Concello levará ata a zona un tractor para poder recollelas.
(Fonte: La Voz de Galicia)

miércoles 16 de abril de 2008

¿Volverá Sobreira?

Un grupo de persoas vinculadas ao ecoloxismo mantiveron o pasado día 12 un encontro no Museo do Monicreque de Lalín para reactivar, case dúas décadas logo da súa fundación, o colectivo ecoloxista Sobreira. O encontro, que comezará ás 21.00 horas, estivo aberto á participación de tódolos interesados en abordar temas de defensa ecolóxica e coñecemento do medio natural. A asociación Sobreira constituíuse en Lalín en 1989 por persoas preocupadas polos problemas ambientais, en especial de Deza. Realizou desde entón un labor de estudo, defensa e divulgación do medio natural de Deza, ademais de participar en iniciativas ecoloxistas en Galicia.
Un dos impulsores e fundador do colectivo foi Miguel Agulló, que actuou en primeiro lugar ao redor da deforestación causada polo comezo da concentración parcelaria na contorna do río Arnego, na parroquia agolense de Carmoega. Sobreira estivo integrada en diversos colectivos de ámbito galego e nacional, con diversos integrantes que promoveron diferentes estudos: sobre a poboación de lobos, de aves de rapiña, de árbores centenarias ou un inventario de fauna foron algunhas desas iniciativas.
O colectivo ecoloxista de Lalín cursou xa máis de duascentas denuncias desde a súa constitución, entre as que destacaron as relacionadas coa instalación dun tendido de alta tensión na Serra do Candán. Tamén organizaron actividades para centros educativos, colectivos xuvenís ou comunidades de montes. Tamén incidiron na defensa do Sobreiral do Arnego, ante os prexuízos da concentración parcelaria.

Entidade de Custodia do Territorio Ulla

A entidade de Custodia do Territorio Ulla, que xestiona a Fundación Comarcal Deza, pon en marcha unha serie de iniciativas que teñen como obxectivo a posta en valor desta zona. A entidade fórmana terreos situados en varios municipios das comarcas de Deza e Ulloa, entre eles varias hectáreas do Sobreiral do Arnego e das paraxes próximas ás torrentes de Mácara e Ramil. O terreo a custodiar foi achegado por oito persoas ou entidades. Entre elas atópanse varios particulares, algunhas empresas e a comunidade de montes de Ramil. En total son sesenta hectáreas de terreo.
Os membros da entidade deseñaron un ambicioso proxecto que inclúe a creación dun manual de custodia que ten como obxectivo divulgar este tipo de iniciativas que existen desde fai tempo en Cataluña pero que en Galicia son descoñecidas. De feito a do Ulla é pioneira en Galicia.
Existe xa unha proposta sinaléctica que persegue a recuperación de camiños e que incluirá a sinalización das diferentes parcelas. Os membros da agrupación pretenden contribuír á posta en valor desta zona a través da recuperación tamén dunha antiga canle construída nas primeiras décadas do século pasado e que atravesa estas terras xunto coa rehabilitación dun par de antigos muíños.
Xunto a estas propostas inclúense outras de limpeza do terreo e de mellora ambiental entre as que se atopan unha plantación de frondosas e a posta en marcha dun sistema de servipastoreo nalgunhas hectárea de terreo. A entidade solicitará á Consellería de Medio Ambiente axuda para a introdución de gando como poden ser algunhas cabras ou cabalos na zona cuxo obxectivo é que coa súa presenza contribúan a manter limpo de maleza o monte.
A Xunta concedeu xa á entidade unha axuda de 30.000 euros que foron outorgados pola Consellería de Medio Rural para a realización dalgunhas destas actuacións.
O groso do terreo a protexer intégrano 25 hectáreas no Sobreiral cedida por particulares e outras 25 hectáreas de terreo nos arredores dos torrentes a beiras do río Ulla que foron achegados pola comunidade de montes de Ramil-Basadroa e Outeiro. A estes engádense unha hectárea do balneario de Pambre e outras achegadas por empresas destinadas á agricultura ecolóxica.

(Fonte: La Voz de Galicia)

Xornada de Domingo

O pasado domingo desprazámonos ata unha zona de compricado acceso no río Asneiro.
A xornada transcorreu sen moitas capturas, pero sí con moita calidade.
Escollemos de novo a miñoca para esta ocasión e o resultado é o que se pode ver nas fotografías, catro capturas de moi bo tamaño (34, 31, 24 e 22 centímetros) que logrou sacar Mario López e unha Manuel Pérez (30 centímetros) que non puidemos fotografar.

Desta volta, o resto dos troiteiros, Justo Vázquez e O Cui, marchamos co cesto baleiro.

viernes 11 de abril de 2008

Xentes sen conciencia

O peor desta última xornada troiteira foi atopar na beira do río esta cantidade de lixo que algún ou algúns desaprensivos decidiron sementar mentres estaban a pescar.
Polo visto, "o porco" ou "os porcos" que estiveron nesta zona tiñan fame e moita sede, pero faltáballe algo de sentidiño, conciencia, civismo e educación.
¿Tanto costa volver a gardar o lixo xenerado na mesma bolsiña na que cargamos coa comida?, ¿costa tanto deixala nun recuncho e recollela á volta para tirála no primeiro contedor de lixo que atopemos?, ¿fai esta xente o mesmo no salón da súa casa?...
Polo que vin, algún destes "porcos" leva unha vida saudable a base de botelliñas de Font-Vella con sabores a melocotón e limón, bebida enerxética e algún que outro refresco de cola. O outro/s, son fumadores de Marlboro e optan pola cervexa.
Botellas de auga, botes de cervexa, envases de cevo, botellas de cristal, bolsas, latas de conserva e ata os cubertos de prástico foi todo o que puiden recoller e gardar nunha bolsa de Alcampo que atopei pendurada dunha árbore.
Tardei unhos 5 minutos en recoller todo (un esforzo impresionante, ¿non creedes?). ¿Tanto traballo costa deixar de ser un "porco"?
Nas fotos podedes ver o tremendo saco de lixo que xuntei.
Non creo que tarde moito en voltar á mesma zona, e moito me temo que a atoparei novamente chea de porcallada, porque troitas haberá poucas, pero de "porcos" está cheo o mundo.


Xornada de choiva

Achegámonos hoxe a unha tosta do río Asneiro ó seu paso pola parroquia de Cristimíl e tras estas últimas xornadas pasadas por auga, decidimos probar sorte cunhas miñocas.
Como se pode observar, o río baixa totalmente escuro e con moita terra, algo habitual dende que o tren de alta velocidade comezou a sua andaina de destrucción.
Pouco a pouco imos tendo alguna picada, pero de troita pequena e moi xusta á medida legal, sobretodo nas beiriñas do río. O balance final da xornada foi de 5 troitas e de 4 mais que voltamos ó río.






Xa estamos de regreso

Voltamos á nosa terra despois dun par de semanas no Perú, onde tivemos a oportunidade de visitar unha das maravillas do mundo, o Machu Picchu, entre outros moitos tesouros da cultura Inca. Sen dúbida, unha viaxe que merece a pena, igual que as suas xentes, as suas costumes e a sua forma de vida.
Dende as aldeas indíxenas ata o centro de Lima, dende 4.000 metros de altura nos grandes picos dos Andes ata as suas fermosas praias e a sua selva amazónica, Perú merece a pena.
Agora toca voltar á realidade, desexando visitar novamente este pais nalgunha ocasión. Dende o Recuncho, grazas a Antón, Carolina e á pequena Sabeliña pola súa amabilidade e pola súa amizade.
Un saudo e unha aperta dende a nosa (e a vosa) Galiza.