Así recordan o episodio as testemuñas que aínda quedan en Ferramulín. Entre eles, o Selmo e o Visuña, os dous ríos que se unen no pobo e que se salvaron pola determinación de veciños e ecoloxistas da voracidade hidroeléctrica daquel Goberno. Moitas outras canles que se conservaban aínda virxes nos oitenta, correron a sorte contraria e engadiron ós seus problemas naturais o estrangulamento que supón o aproveitamento enerxético, ata o punto de que hoxe en día é practicamente imposible atopar canles en Galicia absolutamente libres de infraestruturas, verteduras ou a presión das grandes poboacións.
Para quen busque a absoluta pureza fluvial, a viaxe ó Courel é imprescindible. Na serra nacen algúns das canles máis fermosas do país. A paupérrima demografía xogou sempre ó seu favor e a singular configuración calcárea do macizo confírelles un aspecto cristalino.
O xardín das sobreiras
Tras empaparnos literalmente da infinita beleza do Selmo, buscamos máis ríos virxes. ¿Queda algún? A consulta cos expertos sempre deixa algún pero: onde non hai unha minicentral hai unha piscifactoría, e onde non, verteduras. Así que baixamos un pouco o listón e atacamos ó Arnego, unha canle que nace na serra do Faro e corre pola comarca do Deza para darllo todo ó Ulla en Porto de Mouros. Polo seu discorrer agrúpanse os maiores sobreirais de Galicia visitados cunha frecuencia que ratifican os ribeireños a quen se dirixen os turistas.
Cun caudal maior que o Selmo, o Arnego é un río troiteiro, para o que convén sacar coto con antelación. Os salmónidos, un bo termómetro para medir a saúde fluvial, xa non son o que eran, din os vellos, pero non cabe dúbida de que o río está sanote a pesar da sombra de duass minicentrais proxectadas e sometidas á moratoria actual que supuxo un parón na hemorraxia das dúas últimas décadas. A boa conservación que mantén a canle, xa lle brotou algún área recreativa á que ir comer a tortilla que, de momento, non afectou demasiado ó tramo de río, cunha variada e exuberante vexetación marcada polo referente das sobreiras que o singularizan.
O Arnego é un caso único, pola súa dimensión e o seu estado de conservación, aínda que moitas outras canles do país, a maioría, conservan paraxes extraordinarias e unha calidade incontestable nos seus tramos altos. A orografía e o clima de Galicia xogan a favor do seu patrimonio fluvial. Os galegos, polo visto, fixeron o contrario, aínda que algúns expertos achegan esperanza: «A educación é básica e a actitude de moita xente para cos ríos foi cambiando», razoa o hidrobiólogo Fernando Cobo. O río xa non se entende como unha vía de eliminación dos residuos domésticos e, de momento, parece que o festival de minicentrais detívose. Aínda que a virxinidade é algo que nunca se recupera: «é verdade que hai unha calidade aceptable das augas en moitos tramos altos, pero a vexetación de ribeira está moi deteriorada», asegura Cobo, director da Estación Hidrobiolóxica do Con, en Vilagarcía, quen recorda que unha conca é unha unidade e non só a mellor parte do río.
(Artigo: Jorge Casanova)
(Foto: Martina Miser)


