O Concello de Lalín solicitou á Consellería de Medio Ambiente a limpeza do río Asneiro, no lugar de Pozo Negro, tras descubrirse unha nova vertedura de rodas que se atopan xa practicamente integradas no contorno, ó levar varios anos depositadas nese lugar.
As distintas saídas organizadas polo Concello, tanto con persoal propio como con voluntarios do Proxecto Ríos, para a limpeza da canle do Asneiro, permitiron retirar da zona do Pozo Negro unha importante cantidade de rodas e outros materiais. Con todo, atopouse unha nova vertedura de rodas de coches, que polo seu aspecto foron depositadas fai varios anos.
A retirada da vertedura require guindastres que permitan retirar os residuos desta zona de difícil acceso, ademais de precisar o acondicionamento dunha entrada cunha retroexcavadora. No escrito, sinálase que a vertedura está integrada xa que as árbores creceron entre as rodas, sobre as que se acumulan pedras. Os traballos precisan a autorización da Consellería de Medio Ambiente, polo que o alcalde indica que «a mellor opción será que os leven a cabo eles mesmos ou, de non ser así, que concedan unha axuda ao Concello» para facelos con persoal municipal.
(Fonte: La Voz de Galicia)