Novas...
Apertura de expediente ó Concello de Lalín.
A Consellería de Medio Ambiente abreu un novo expediente ó Concello de Lalín por verquidos ó Pontiñas. Nesta ocasión trátase de augas fecais que chegaron ó río a consecuencia do socavón que afundeu a estrada de circunvalación na madrugada do 29 de novembro. A corrosión da canalización do río motivou a rotura da traída de augas e tamén a dunha canalización de augas fecais que chegaron ó río, razón pola que Medio Ambente abriu expediente o Concello.
Talas no Sobreiral do Arnego
A Federación Ecoloxista Galega alerta das inminentes talas que se pretenden realizar no Sobreiral do Arnego, unha zona protexida pola Rede Natura 2000. Trátase de talas compensatorias que a Consellería de Medio Rural autorizará polos cambios de titularidade producidos no proceso da concentración parcelaria de Brántega, segundo apuntan.
Os ecoloxistas aseguran que en reunións coa Administración dende a Federación Ecoloxista solicitouse a implantación dun protocolo de actuación e coordinación entre as consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente para o caso de concentracións parcelarias que tivesen afección sobre espazos de elevado interese ambiental. Consideran que de establecerse este protocolo «poderíase contar cun sistema que permitise unha nova repartición dás propiedades sen que supuxese un perxuicio para os donos e para as sobreiras e outras árbores que forman este espazo, como carballos e castiñeiros». A Federación Ecoloxista Galega denuncia que a estas alturas «non se conta cun Plano de Ordenación de Recursos Naturais e de xestión deste lugar, tal e como marca a lei» e acusan á Consellería de Medio Ambiente de «omitir este deber neglixentemente».
A FEG solicita a Medio Rural e Medio Ambiente que cumpran co seu deber e que tomen as medidas necesarias para que non se dane este espazo. Cren que para «evitar as talas indiscriminadas» as dúas consellerías deben traballar nun sistema de compensacións que favoreza ós propietarios e ós Sobreirais do Arnego. Sinalan que de producirse unha tala salvaxe no lugar a FEG acudirá ata a Unión Europea para denunciar a situación de desprotección do LIC.
Os ecoloxistas recordan que o proceso da concentración parcelaria empezou estando vixente a antiga lei de concentración e non se tivo en conta o valor das árbores á hora de deseñar as novas propiedades. A pesar de todo a FEG pensa que Medio Ambiente e Medio Rural tiveron tempo para coordinarse durante esta lexislatura e traballar conxuntamente na protección das sobreiras do Arnego «para que a concentración parcelaria non remate como outras moitas en Galicia «coa tala indiscriminada de árbores centenarias».
Os ecoloxistas destacan a importancia deste espazo indicando que o sobreiral ocupa unha área que, debido á influencia dun microclima presente neste afluente do Ulla, favorece o desenvolvemento destas masas de alcornoques.
Un espazo que, recordan, conta cun valor excepcional ó tratarse dun ecosistema forestal mediterráneo dentro dun área xeográfica marcadamente atlántica.





