martes 17 de marzo de 2009

Arrincou a tempada 2009

O pasado domingo arrincou a tempada de pesca no Deza.
Os presidentes dos cotos da zona móstrabanse satisfeitos coa situación dos ríos, destacando que as abundantes choivas deste inverno serviron para limpar ben os fondos e propiciar a reprodución.
José Antonio Pena, presidente da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda apuntaba que este ano non se realizou na zona ningunha repoboación.
O que si se levou a cabo, do mesmo xeito ca en anos anteriores, foi a roza de camiños e a recollida de plásticos e outros residuos das marxes dos ríos. Unha tarefa que emprenderon tamén outras sociedades de pesca da zona.
Na Estrada, o presidente da Sociedade de Pesca Río Ulla, José Manuel Señoráns, destaca as boas expectativas coas que os afeccionados iniciaron esta nova tempada. Entre as novidades deste ano destaca o cambio nas bases do concurso internacional de pesca do salmón que se están elaborando de cara «a abrir a todo o mundo o
acceso ó certame». O número de cotos, respecto ó ano pasado increméntase en dous, e entre eles atópase un tramo de pesca sen morte.

8 kilómetros sen morte.

A sociedade de caza e pesca de Lalín pretende habilitar para a próxima tempada un tramo dunhos 8 kilómetros do río Asneiro para a “pesca sen morte”, unha disciplina que conta cada vez con mais adeptos e permite manter a poboación de troitas nos cotos. O presidente do colectivo lalinense, Luis Nistal, indicou que persoal da sociedade está elaborando o complexo expediente que requiren este tipo de solicitudes para remitilo posteriormente á Xunta de Galicia para a sua aprobación definitiva. Nistal sinala que inicialmente tamén se pensou noutro tramo dunhos 12.000 metros no Arnego, anque considera que a súa proposta é a que mais se axusta ás necesidades da sociedade dezana. Ísto supón que, se Medio Ambiente o autoriza nas suas órdes de vedas, de cara á vindeira tempada, os deportistas podrían practica-la “pesca sen morte” no tramo comprendido entre a zona de Ponte Vilariño e Carmoega. Pese a que a decisión é firme, o que non o é tanto, é que a petición á Xunta poida concretarse para a próxima tempada, unha vez que o permiso depende do departamento autonómico, que deberá analiza-la demanda da sociedade de pesca lalinense. Ainda así, Nistal confía en que o goberno galego remate a tramitación dos expedientes para que esta actividade poida practicarse xusto dentro dun ano no Asneiro. O presidente aposta pola “pesca sen morte” como modalidade deportiva que permite ós pescadores desfrutar deste deporte, ó mesmo tempo que se mantén e se incrementa a poboación de salmónidos nos ríos do coto.
Cabe recordar que a sociedade de pesca de Trasdeza xa conta dende o domingo cun tramo para a “pesca sen morte”.
Neste caso, un tramo de algo mais de 2,5 kilómetros no río Deza entre os municipios de Silleda e Vila de Cruces. A pasada semana, a orde de vedas de Medio Ambiente autorizou a petición da entidade que preside José Antonio Pena Fernández, e polo tanto, os socios trasdezanos son os primeros en practicar esta disciplina na comarca.
(Fonte: Faro de Vigo)
(Foto: Bernabé)

viernes 13 de marzo de 2009

Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galicia

O plan hidroeléctrico prevé axustes en cinco presas e non conceder máis.
A revisión do Plan Sectorial Hidroeléctrico de Galicia propón non permitir novas concesións á zona que se unan ás trece existentes. O documento considera que xa se cumpriron «con fartura» os obxectivos de produción mediante enerxía hidráulica previstos en Galicia. A iso engaden as dificultades que entrañan as estrictas esixencias da Directiva Marco da auga europea respecto dos usos deste elemento e ós valores de calidade que debe manter. Por esta razón, a proposta de Augas de Galicia é «non definir tramos de interese enerxético e tratar de xestionar e actuar sobre as concesións xa outorgadas».
A versión preeliminar do plan, que se somete a información pública, tamén apunta á necesidade dalgúns axustes en cinco dos aproveitamentos xa construídos ou autorizados na zona de cara a adaptalos á Directiva Marco da auga. A razón é que se atopan en tramos fluviais que terán máis difícil conseguir adaptarse á normativa europea, que fixa como prazo o ano 2015. Inclúe neste apartado un tramo do Toxa, no que se atopa un aproveitamento hidroeléctrico, así como unha central no Liñares e outra no río Cervañiña outorgadas, así como outra nun afluente do Arnego.
O plan que agora Augas de Galicia somete a información pública indica que a recuperación das concesións que presentan maiores dificultades para adaptarse á normativa non sería economicamente factible, pero impón actuacións. Obrigará a presentar estudos sobre o estado das augas, así como tomar medidas sobre aquelas concesións que aínda estean sen executar ou tratar de recuperar o tramo unha vez que estas conclúan. Estas actuacións afectan sobre todo a aproveitamentos que están en cotos de pesca, zonas de Rede Natura ou en áreas con captacións.


Alerta do importante impacto dun aproveitamento no sistema fluvial Ulla-Deza.
O documento preliminar do Plan Sectorial Hidroeléctrico fai unha análise do impacto que tería un posible aproveitamento hidroeléctrico en varias zonas con algún tipo de protección ambiental. No caso do sistema fluvial Ulla-Deza, que está protexido pola súa fauna piscícola e a gran variedade morfolóxica, apunta que terían unha afección importante, a máxima que recolle na conca Galicia-Costa. Isto débese ás consecuencias que tería para tres especies vulnerables, caso do sáibao e a saboga, que non son capaces de remontar escalas de máis de 30 centímetros, así coma o salmón.
Outro dos impactos que analiza é sobre os Sobreirais do Arnego, neste caso apunta que unha concesión para unha presa tería pouca afección sobre o lugar de interese comunitario.

jueves 12 de marzo de 2009

Cruces alega contra o plan sectorial hidroeléctrico

O novo plan sectorial hidroeléctrico de Galicia, que está en fase de elaboración, mantén ós ríos Ulla e Deza como zonas nas que se poden situar novos aproveitamentos hidroeléctricos, xa sexan minicentrais ou encoros. O alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero , xa anunciou que dende o Concello presentarán alegacións, teñen un prazo de dous meses, contra este proxecto que parte dende a Xunta de Galicia.
«Queremos que se exclúa o Deza máilo Ulla do plan de aproveitamento hidroeléctrico», asegurou onte o mandatario cruceño, Jesús Otero , tras recibir da Xunta de Galicia un avance do plan sectorial, que están revisando. O mandatario indicou que tamén trasladarán nos próximos días a documentación ós grupos da oposición para que eles tamén coñezan o impacto. A intención do goberno local é que estes dous ríos, que discorren en parte polos concellos, queden exentos de futuras concesións administrativas para novos aproveitamentos.
Cruces é un dos concellos máis afectados polos aproveitamentos, o contar con tres encoros. Ademais, hai que recordar a batalla contra as minicentrais autorizadas na zona de Obra e Brandariz, agora paradas.

jueves 5 de marzo de 2009

Amplian a cota de capturas de salmón

A Consellería de Medio Ambiente decidiu ampliar esta tempada a cota de capturas de salmón no río Ulla, ata un máximo de sesenta. Unha cifra que supón dez máis que no 2008. A campaña comezará o día 1 de maio nos cotos de Couso, Sinde e Ximonde, ata o 31 de xullo, aínda que se se esgota a cota fixada antes desa data no río Ulla poderase practicar a pesca sen morte do salmón xunto coa tradicional do reo e a troita.
A distribución da cota de capturas no río Ulla establece que os cincuenta primeiros salmóns poderanse capturar nos cotos de Ximonde, Couso e Sinde, mentres que os dez restantes ata completar o máximo fixado só autorizarase nos dous segundos. A orde da consellería, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, tamén establece que a peza de salmón debe contar cunha dimensión mínima de corenta centímetros e só permítese obter un exemplar por persoa e xornada de pesca.
Respecto da pesca do reo, poderase capturar do 1 de maio ao 30 de setembro nos cotos de Sinde e Ximonde, mentres que outras masas fluviais autorízase do 1 de maio ao 15 de agosto. O número máximo de capturas por pescador ao día será de cinco exemplares.

A piques de comezar a tempada 2009

A tempada de pesca arrinca en toda Galicia o próximo domingo 15 de marzo, según anunciou a Consellería de Medio Ambiente, que tamén concretou na normativa para 2009 que a comarca do Deza contará con cinco cotos para a captura de troitas. Entre tódolos tramos, suman unha lonxitude de 43,3 kilómetros.
Concretamente, están habilitados para esta tempada os enclaves de Rodeiro no río Arnego, que afecta ó concello de Camba e a Lalín cunhos 10,5 kilómetros de lonxitude; o coto de Lalín no Asneiro que discorre por 8,1 kilómetros da capital dezá; o coto de Taboada no río Deza con 8,7 kilómetros entre Lalín e Silleda; o coto do Toxa que afecta a 10,7 kilómetros en Silleda; e por último o enclave Toxa 1, tamén no mesmo río e concello, cunha lonxitude de 5,3 kilómetros.
En canto ás zonas vedadas, en 2009 estará restrinxida a pesca nun total de 13 espazos da comarca, rondando os 60 kilómetros de lonxitude. Como principal novidade, figura a veda do tramo do río Toxa entre Ponte Gamil e Medelo, en Silleda, que ten un percorrido de 5,5 kilómetros.
A tempada non se pechará ata o 30 de setembro pese a que nos cotos tradicionais farao o 15 de agosto.
Os cupos serán de 10 exemplares e 17 centímetros como mínimo por peza nos cotos de Lalín e Rodeiro e nos tramos de Silleda o cupo será o mesmo, anque as troitas terán que alcanzar os 19 centímetros.
Medio Ambiente destaca como zonas salmoneiras da comarca os 8 kilómetros do Deza entre a presa de Saídres e a súa desembocadura no Ulla, así coma os entornos cruceños deste río dende o embalse de Portodemouros. Nestes dous enclaves as capturas deben alcanzar os 21 centímetros e un máximo de 8 pezas por pescador.

miércoles 4 de marzo de 2009

Normas de pesca 2009

Respecto das normas para a pesca da troita, o período hábil será do 1 de maio ao 15 de agosto nos ríos Deza, Liñares e Ulla, en distintos tramos ao seu paso polas comarcas, mentres que noutras masas de auga poderanse capturar do 15 de marzo ao 15 de agosto. Fíxanse unhas dimensións mínimas de 19 centímetros, mentres que o tope de capturas será de dez exemplares por persoa e día. Ademais, fíxanse unhas normas específicas para os cotos de Forcarei, Lalín, rodeiro e Rubín, neste caso cunha redución da dimensión mínima a 17 centímetros. Tamén para o río Deza, entre a presa de Saídres e a desembocadura no Ulla, e o Ulla, entre a presa de Portodemouros e a súa zona de desembocadura, onde se poderán pescar troitas dun mínimo de 21 centímetros e 8 exemplares por persoa de máximo. Na presa de Portodemouros sóbense as dimensións mínimas a 23 e redúcese a 5 as capturas.
Medio Ambiente establece os mesmos períodos hábiles que para a pesca da troita para os ciprínidos e a perca negra, así como para a anguía, nas mesmas condicións para as canles fluviais da zona. Mentres, para a saboga autorízase a súa captura no río Ulla entre a presa de Couso e a súa desembocadura do 1 de maio ao 8 de xuño, con 5 exemplares ao día.
A orde tamén fixa como tramo libre de pesca sen morte o río Deza, en 2,5 quilómetros dacabalo de Silleda e Cruces, así como normativas específicas de cotos nos ríos Arnego, Asneiro, Curantes, Deza, Lérez, castro, Liñares, Toxa, Ulla, Umia e Vexa. E védanse totalmente á pesca diferentes tramos das canles Rego de Abeleda, Arnego, Carrio, Castro, Curantes, Deza, Freixeira, Liñares, Mera, Oisa, Orza, Riádigos, Rodeiro, Seixas, Toxa, Ulla e Vexa, que discorren polas comarcas.
(Orde do 25 de febreiro de 2009 pola que se estrabrecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2009.) (Ver en pdf.)

Actividades na Sociedade de Pesca de Silleda

A Escola de Pesca da sociedade, que un par de anos atrás se reactivou con novas actividades, programou para os vindeiros días 6, 7 e 8 de marzo un amplo programa de actos ao que poderán asistir adultos e cativos, socios e non asociados. Haberá unha charla sobre os ríos, a intervención dun ecoloxista e mesmo se impartirán unhas clases teóricas e prácticas sobre moscas. Mesmo está previsto realizar ensaios de lance no lago do recinto feiral da Semana Verde. Os organizadores esperan superar nesta ocasión o volume de participantes do ano pasado que chegou ao medio cento de persoas, entre elas unhas cinco mulleres de Silleda e de Méixome (Lalín).

Tramo de pesca sen morte no río Deza

Unha vintena de pescadores, socios da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda, viñan matinando tempo atrás en contar cun tramo de pesca sin morte no río Deza. Desexo que será unha práctica deportiva real a partires do 15 de marzo e ate o 30 de setembro. «É unha modalidade que era demandada por pescadores de Silleda e doutros puntos da comarca, e se non se fixo antes foi porque non había demanda suficiente. Agora sí, somos máis de vinte troiteiros interesados en que o río sirva de criadeiro. Son tres mil metros de río que van dende a ponte de Silleda a Vila de Cruces ate a desembocadura do río Mera», explica o presidente da sociedad José Antonio Pena. Con esta modalidade o que se pretende, segundo Pena, é protexer os ríos. Cuestión sobre a que traballa arreo a sociedade silledense. «Todos os anos asinamos un convenio con Medio Ambiente para limpar os cauces e os cotos de pesca. Pouca xente o sabe pero sacamos lixo e tentamos manter os ríos nas mellores condicións posibles».
Nos tramos de pesca sin morte as reglas son claras: todo o que se pesque ten que devolverse ao río. A maioría dos pescadores son responsables, afirma José Antonio Pena pero lembra que os infractores poderán ser castigos con multas de ate 6.000 euros. «Son dos que pensan que todos os pescadores e cazadores disfrutan moito máis co lance que coa peza capturada. O pescador o que máis aprecia é ese lance e non a troita que irá a parar á cesta».
O presidente da Sociedade silledense pronostica unha boa tempada de pesca «pola abundante choiva caída nas últimas semanas que limpou os posos e fixo posible unha óptima cría das troitas».